Ameixa

Ameixa O nome de ameixa é denominación común dun grupo de moluscos bivalvos de alto interese comercial e de morfoloxía semellante aínda que pertencen a especies diferentes. A superficie da cuncha é substancialmente lisa e de cores variables. Viven soterrados a escasa profundidade nos fondos areosos do mar, malia que hai especies que viven en augas doces. As ameixas pertencen a especies diferentes da familia Veneridae.

Como tódolos moluscos bivalvos, posúen un corpo brando, cuberto cun manto, e protexido por unha cuncha formada por dúas valvas equiláteras artelladas entre si por unha estrutura característica denominada charneira. Poden pecha-las valvas voluntariamente mediante uns músculos, denominados ligamentos, que deixan na cara interior da cuncha unha marca que serve para a identificación da especie. A apertura das valvas é un acto consecuente á relaxación deses músculos. A cuncha é de cor variable, desde branca amarelada a case negra, segundo a especie e as características do medio no que viven, normalmente con bandas de cor máis escura có resto. Presenta unhas estrías, máis ou menos marcadas, características de cada especie, que se denominan radiais ou transversais (desde o vértice ó bordo da cuncha) e concéntricas ou lonxitudinais, paralelas ó bordo. Estas últimas son as estrías de crecemento, a modo dos aneis das árbores.

As ameixas aliméntanse por filtración. Toman auga polos sifóns, que é filtrada polas branquias para rete-lo alimento, formado fundamentalmente por algas diatomeas e materia orgánica presente no sedimento areoso no que viven. Este tipo de alimentación por filtración implica que tamén reteñan as bacterias presentes na auga procedentes da contaminación mariña de orixe fecal, coliformes e salmonelas fundamentalmente. A presenza destes xermes nas ameixas obriga á súa depuración antes da súa comercialización e consumo, operación que pretende reduci-lo nivel de contaminación microbiana a límites seguros.

Este molusco vive enterrado na area a uns 5 - 30 cm da superficie en fondos areosos ou fangosos, nos que escava e ocúltase. Soportan temperaturas de 5 a 35 graos centigrados, a baixa mar e os cambios de salinidade.

Hai diferentes tipos de ameixa, entre os máis coñecidos en Galicia están os seguintes:

A Ameixa Fina (Ruditapes decussatus) é a variedade de maior valor gastronómico. De cuncha fina e carne gris aguanta viva fose da auga moito máis tempo que outras ameixas. A súa cor adoita ser branco, amarelo ou marrón claro, e os seus sifones están separados un do outro. Cultívanse utilizando distintas concentracións das microalgas mariñas.

A Ameixa Babosa (Venerupis senegalensis) normalmente de cor gris pálida ou crema, cunhas bandas tenues dunha tonalidade máis intensa e unhas finas liñas que se debuxan na súa cuncha, paralelas ao bordo. Os sifones están unidos en toda a súa lonxitude, sendo esta característica a que nos permitirá diferenciala doutras ameixas. Ten unha calidade similar á ameixa fina, pero non posúe a súa resistencia fose da auga.

A Ameixa Japónica (Ruditapes philippinarum) ten as súas liñas moi marcadas, moito máis que a ameixa fina. A cor da súa cuncha varía entre tostado, gris e negro. O seu crecemento é moi rápido, o que motivou que o seu cultivo estendésese ás costas francesas e británicas, para posteriormente ser introducida en España e Italia, onde se cultiva intensivamente.

A Ameixa Rubia (Venerupis rhomboides) as súas tonalidades avermelladas e moradas diferénciana doutras ameixas. As súas liñas concéntricas, do mesmo xeito que os seus radios, posúen tonalidades moi dispares, formando uns debuxos característicos en forma de zigzag. A súa cuncha é máis lisa e brillante que outras ameixas e asemella estar puída.

imprimir Correo electrónico

Consellería do Mar - Xunta de Galicia
Grupo de Acción Local Pesqueira Golfo Ärtabro Sur
Asociación de Minoristas de El Puerto de A Coruña
Galicia
Fondo Europeo Marítimo y de Pesca (FEMP) - Unión Europea